Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO REPARTE AO ALUMNADO DO CEIP NICOLÁS DO RÍO UN CALENDARIO COA NOVA MARCA DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira acaba de entregar ao CEIP Nicolás do Río 350 exemplares dun calendario de 2022 coa súa nova marca territorial, o peixe de Santo André de Teixido, asociada nos doce meses do ano a diferentes eidos da vida local, como son os deportes, o Entroido, o Samaín, a natureza, as festas e o Nadal. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que os nenos e nenas do centro van levar para casa estes calendarios e con eles unha imaxe “que temos que facer nosa, como sinal de todo o que temos en común as xentes de Cedeira”.

Un pequeno texto, nunha das páxinas do calendario, explica a xénese da nova marca de Cedeira. Foi creada ao abeiro do desenvolvemento do proxecto Pescaturacción –con financiamento europea procedente do GALP A Mariña Ortegal- como un distintivo territorial que identifica a calidade do peixe e o marisco de Cedeira e a riqueza paisaxística, xeolóxica e territorial do municipio. É un elemento que o Concello quere impulsar como unha denominación de orixe de Cedeira, tanto para os produtos da pesca, o comercio ou a artesanía local, como para as actividades culturais, educativas e deportivas.

Moreda Gil desexou que a chegada dos calendarios aos fogares dos nenos e nenas do colexio Nicolás do Río contribúa a consolidar o peixe de Santo André como icona de Cedeira. A iniciativa do Concello de repartir un almanaque ao alumnado do centro inaugurouse o pasado ano cun que ía ilustrado por Leandro Lamas e facía referencia ao aforro de enerxía na vida cotiá para loitar contra o cambio climático.