Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello repara o tellado e o beiril do escolar de Esteiro

O CONCELLO REPARA O TELLADO E O BEIRIL DO ESCOLAR DE ESTEIRO

O Concello de Cedeira acomete estes días as obras de reparación do tellado do escolar de Esteiro que o temporal levou por diante no primeiros días de febreiro.

A reposición de tellas e a reconstrución do beiril son as intervencións que máis urxen coa fin de evitar as goteiras que ameazan a planta -con chan de madeira- na que teñen lugar as actividades que o Concello organiza para a veciñanza de Esteiro, entre outras obradoiros de memoria e ximnasia de mantemento. Os traballos marchan a bo ritmo. A inversión alcanza os 10.000 euros, unha cantidade un pouco superior ás estimacións iniciais e que o goberno municipal espera recuperar a través da compañía aseguradora correspondente.

O escolar de Esteiro foi sen dúbida un dos edificios municipais máis afectados por ventos que chegaron a superar os 135 quilómetros á hora na noite do día 3 de febreiro. Trátase dunha construción que está ao pé da estrada AC-566 e que foi inaugurada no ano 1924.