Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO RENOVA O MOBILIARIO DA SALA DE LECTURA DA PARTE VELLA DA BIBLIOTECA MUNICIPAL LÓPEZ CORTÓN

O Concello de Cedeira acaba de renovar o mobiliario da parte vella da biblioteca municipal López Cortón. Segundo informou o concelleiro de Facenda, Servizos Económicos, Ocio e Tempo Libre, Manuel Martínez López, investíronse uns 8.000€ na posta ao día tanto do chan como das mesas e as cadeiras, nunha actuación que fará máis confortable para as persoas usuarias a sala de lectura.

A actuación incluíu o saneamento do vello solo de madeira, que estaba afectado pola couza, e a instalación doutra tarima nova por enriba. Substituíronse tamén as antigas mesas e cadeiras por outras máis cómodas e cun estilo en concordancia coa sala. Manuel Martínez apuntou a importancia de manter nas mellores condicións a biblioteca municipal de Cedeira, cuxa creación data de 1978, e que ocupa un edificio noble no casco vello da vila. Subliñou tamén que a biblioteca mantén activo o sistema de préstamo e a sala de lectura, coas correspondentes medidas de prevención pola crise sanitaria.

Como se recordará, o Concello de Cedeira abordou a finais do ano 2017 unha importante obra de mellora na biblioteca López Cortón, que incluíu a adecuación da súa accesibilidade, coa instalación dun ascensor, e a súa ampliación nun edificio colindante adquirido pola administración local. Acometéronse tamén outras melloras, entre as que estivo a pintura da imaxe de Rosalía de Castro e uns versos do seu poema “Follas Novas” na fachada, unha intervención que contribuiu tamén a poñer en valor o propio edificio e o casco vello cedeirés.