Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO REABRE O CENTRO DE OCIO XUVENIL CUNHA TÉCNICA DE TEMPO LIBRE QUE SE OCUPARÁ DE DINAMIZARLO

O Concello de Cedeira reabrirá o vindeiro 1 de abril o Centro de Ocio Xuvenil, que permaneceu pechado pola pandemia, co devezo de impulsar o seu uso a través de novas propostas e actividades. O goberno local contratou unha técnica de tempo libre para dinamizar este espacio e tamén incorporou algún elemento novo, como unha pequena mesa de son para que os rapaces e rapazas poidan producir a súa propia música.

O Concello de Cedeira inaugurara o Centro de Ocio Xuvenil no ano 2019, despois de tramitar diante da Dirección Xeral de Mobilidade o paso do local a mans municipais. O espazo, situado na antiga estadión de autobuses, conta cunha mesa de billar, xogos de mesa e videoconsolas, así como mobiliario axeitado en diferentes zonas, de xogo e de estar. A técnica de tempo libre que vai a atender as instalacións ocuparase tamén de propoñer actividades e obradoiros que resposten aos intereses da mocidade.

Segundo informou Carmela Prieto, concelleira de Xuventude, o Centro de Ocio vai abrir as súas portas de momento en horario de 17.00 a 20.00 horas, os venres, sábados e domingos. Durante o verán a intención do Concello é amplialo e mesmo facer alí algunha proposta para o ocio nocturno dos mozos e mozas da vila.

Explicou tamén que estaba previsto abrir mañá xa, pero unha baixa por enfermidade da técnica encargada fixo que se adíe ata a vindeira semana.