Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO PUBLICA AS AXUDAS DO PEL-REACTIVA, QUE REPARTEN MÁIS DE 137.000€ ENTRE 63 NEGOCIOS LOCAIS

O Concello de Cedeira acaba de publicar a relación de solicitudes estimadas na convocatoria de axudas do programa PEL Reactiva, dotado no municipio con 137.741€ financiados pola Deputación Provincial da Coruña (o 80%) e pola propia administración municipal (o 20% restante). Repartiranse un total de 63 axudas a outras tantas empresas e autónomos da localidade ata agotar os fondos dispoñibles, segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, quen destacou que estas subvencións representan un novo empurrón para que os negocios locais poidan superar as dificultades provocadas pola crise sanitaria.

Moreda Gil recordou que o goberno local foi pioneiro ao lanzar en marzo pasado, ante a primeira sacudida da pandemia, un programa estritamente municipal de axudas para contribuír a manter a actividade económica e os empregos na vila. Repartíronse con aquel programa un total de 76.750€ entre 112 microempresas e autónomos da vila.

Os 137.741€ que se conceden agora ao abrigo do PEL Reactiva van repartidos en 2 axudas de 3.000; 29 axudas de 2.500€; 24 de 2.000€; 7 de 1.500 e unha de 741,71€. O reparto fíxose, segundo establece a convocatoria do programa provincial, polo sistema de concorrencia competitiva, adxudicando os fondos ás solicitudes con mellor puntuación ata agotar os fondos.

As subvencións van dirixidas a negocios que tiveron que paralizar a súa actividade pola covid ou que viron disminuida a súa facturación nun 75% con respecto ao semestre natural. O seu destino é sufragar gastos realizados entre marzo e decembro do ano pasado, ben sexa en materiais e suministros vencellados directamente coas medidas de prevención contra o virus ou ben aluguer de locais, vehículos, maquinaria e instalación, gastos en seguros ou suministros.

A lista de beneficiarios das axudas pode consultarse na web do Concello de Cedeira.

Descargar lista de beneficiarios

O alcalde informou de que o goberno local está a traballar xa, no marco da elaboración dos orzamentos de 2021, para dotar unha liña de axudas neste exercicio e garantir tamén apoio a aqueles negocios afectados pola crise sanitaria e que non acadaron unha axuda do PEL Reactiva, cumprindo os requisitos, polo agotamento do crédito.