Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO PROPÓN DOUS ESPECTÁCULOS MUSICAIS PARA ESTA FIN DE SEMANA EN CEDEIRA

O Concello de Cedeira propón dúas citas musicais para esta fin de semana, nas que se ofrecerá unha revisión de dous estilos diferentes baixo o prisma da tradición galega. “Blues do País” é o nome do espectáculo que terá lugar na tarde do sábado, enmarcado no programa “Cantos e contos ao solpor”, e “Mozart á galega” é o da cita prevista para a mañá do domingo.

Bieitta James e Pepe King protagonizarán o sábado, ás 20.00 horas na Praza da Rectoral, a segunda cita do programa “Cantos e contos ao solpor”. O dúo ofrece un espectáculo “Blues do país”, no que este estilo musical que ten a súa orixe nos esclavos africanos das plantacións americanas adáptase ao galego “con extra de retranca”. Os clásicos do blues, reinterpretados e adaptados á nosa realidade.

“Mozart á galega” é unha función coa que o flautista Luís Soto quere amosar a universalidade dos catro cuartetos para flauta e trío de cordas que creou o xenio de Salzburgo, poñéndoos en relación coa música tradicional galega en función do carácter, tonalidade, tempo, compás e ritmo. O cuarteto que interpreta esta proposta está formado, ademais de por Luís Soto coa flauta traveseira, por David García ao violín; Ioana Ciobotaru á viola e Millán Abeledo no violoncello. O espectáculo desenvolverase na Praza Floreal ás 13.00 horas, este domingo.