Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO PRESENTA AO PROGRAMA DUS 5000 DE ENERXÍA LIMPA TRES PROXECTOS VALORADOS EN 2,3 MILLÓNS DE EUROS

O goberno local de Cedeira vén de presentar tres proxectos ao programa DUS 5000, que o Estado vai desenvolver con financiamento Next Generation para impulsar as enerxías limpas no mundo rural. Son tres iniciativas que suman un orzamento de máis de 2,3 millóns de euros e que serían susceptibles de financiarse cos fondos europeos que o Executivo central destinou ao Plan de recuperación, transformación e resilencia. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que son iniciativas “das que cambian un municipio”, dirixidas todas a “acelerar o paso na transición ecolóxica e situar a Cedeira na vangarda da eficiencia enerxética”.

O programa DUS 5000 vai dirixido a impulsar proxectos de enerxías limpas nos concellos con menos de 5.000 habitantes tamén nos que teñen máis de 5.000 e menos de 20.000, pero cuxa configuración segue a ser eminentemente rural. Cedeira está no segundo caso, entre os 69 municipios da provincia da Coruña que están nalgunha desas dúas categorías.

As iniciativas de Cedeira van dirixidas á implantación da enerxía solar, á conversión do Auditorio Municipal nun edificio enerxeticamente sostible e ao impulso da peonalización para unha mobilidade non contaminante. A primeira delas podería recibir axudas por valor dun 71% do orzamento, mentres que as outras dúas son susceptibles de recibir o 100% do financiamento.

“Cedeira fotovoltaica” ten un custo de 286.532,84€ e a axuda solicitada ascende a 203.836,59€; “Auditorio Sostible” está orzamentado en 643.101,25€ e o apoio dos Next Generation podería chegar ao 100% e “Cedeira Peonil” ascende a 1.377.790,47€ e tamén solicita subvención para a totalidade do investimento.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, expresou o agradecemento do goberno local ao persoal municipal que conseguiu presentar a documentación, despois de esperar horas polo colapso da plataforma telemática do Goberno, máis alá da unha da madrugada do pasado venres. “Queremos recoñecer a dedicación e o empeño destas persoas, e tamén da concelleira Carmela Prieto, que estivo con elas, porque estiveron ao pé do ordenador horas e horas ata que lograron rexistrar as solicitudes de Cedeira”, dixo o alcalde.

Cómpre recordar que a loita contra o cambio climático e o coidado do medio ambiente é unha prioridade para o goberno municipal de Cedeira, que se adheriu o pasado ano ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía. Froito deste traballo, estase a implementar unha estratexia dirixida a reducir o consumo enerxético nun 40% no ano 2030.