Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO PORÁ EN VALOR O CONXUNTO DE OBXECTOS DA HISTORIA DE CEDEIRA RECOLLIDOS POR RAFAEL USERO

O pleno da corporación cedeiresa aprobou por unanimidade aceptar a doazón por parte do cronista oficial, Rafael Usero González, dunha colección de obxectos que reuniu ao longo da súa vida, para poñela en valor a través dunha exposición permanente que o público poderá visitar no Palacete Municipal. A concelleira de Cultura, Ermitas García, expresou o agradecemento do grupo de goberno e tamén do resto dos grupos políticos, xa que así se puxo de manifesto na sesión plenaria, polo traballo e dedicación deste profesor de Historia xubilado, que desde moi novo estivo interesado polo pasado de Cedeira e que contribuiu de forma moi importante ao seu coñecemento.

Tal como explicou Ermitas García, cando daba clases de historia no IES Punta Candieira, como tamén nos anos transcurridos desde a súa xubilación, Rafael Usero adicouse con paixón a investigar a historia da vila, sobre a que ten publicado varios libros e moitos artigos. Froito dese labor foi xuntando obxectos que se gardaban nas casas e que o alumnado e a veciñanza foi levándolle, moitos deles machados prehistóricos, ferramentas que se conservaron porque a xente lles atribíu propiedades máxicas. De feito, o conxunto de pezas da colección que corresponde á prehistoria é quizais a máis interesante, segundo comentou a concelleira, aínda que no catálogo encontramos obxectos moi variados de diferentes épocas.

A intención do goberno local, tal como aprobou o pleno, é facer agora un inventario de todos os elementos doados ao patrimonio municipal por Rafael Usero, co detalle da identificación e do valor artístico ou histórico de cada un, cara á apertura da exposición permanente. Segundo explicou Ermitas García, é probable que deste traballo saia primeiro a mostra de obxectos da prehistoria, que se espera abrir nuns meses, e que despois vaian expoñéndose outros conxuntos de elementos a medida que avance o traballo.