Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello persónase contra o concelleiro Vilela Santalla, ao que o xulgado acusa de malversación

O CONCELLO PERSÓNASE CONTRA O CONCELLEIRO VILELA SANTALLA, AO QUE O XULGADO ACUSA DE MALVERSACIÓN

O Concello de Cedeira tomou o acordo de personarse na causa aberta polo Xulgado contra o concelleiro Alfredo Vilela Santalla por un delito de malversación. Vilela está acusado de simultanear, durante o mandato 2011-2015, a dedicación exclusiva como concelleiro-delegado de Atención Cidadá, Servizos, Mantemento e Obras coa dirección e administración “de facto” da súa empresa de construción con sede na vila de Cedeira.

A decisión, que resultou aprobada no pleno de onte cos votos do equipo de goberno (PSOE, BNG e Anova) e co abandono do PP da sesión para non ter que pronunciarse sobre o asunto pola súa amizade con Alfredo Vilela, obedece ás consultas e informes emitidos polo secretaría do Concello, o despacho Lamas y Abogados e o servizo de asistencia xurídica da Deputación. Todos coinciden na necesidade de personarse no procedemento a efectos de exercer a acción civil tendente á restitución, reparación do dano e indemnización polos prexuízos causados, cuantificados en 112.000 euros.

O equipo de goberno, que subliña “a responsabilidade dos cargos públicos de denunciar e perseguir os delitos dos que poden ser coñecedores para no incorrer en prevaricación”, pon de manifesto que o Concello actúa en calidade de “prexudicado” patrimonialmente polos supostos cobros indebidos. Tamén fai constar que se está a actuar en defensa dos intereses dos cedeirenses e como consecuencia do requirimento formulado no seu día desde o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Ortigueira solicitando ao Concello que manifestase se se persoa como parte no procedemento ou, polo contrario, renuncia ás accións na súa condición de prexudicado na causa contra o exconcelleiro, que formou parte da corporación no último mandato do PP no Concello de Cedeira.

O día 9 de xullo do ano 2011 Alfredo Vilela Santalla presentou, a efectos da súa toma de posesión como concelleiro, declaración sobre causas de posible incompatibilidade, indicando que non concorría ningunha das descritas no artigo178 da LOREG. Posteriormente, e mediante unha resolución da Alcaldía, o día 20 de xullo do 2011, actúase a favor de Vilela Santalla outorgándolle as delegacións municipais de Atención Cidadá, Servizos, Mantementos e Obras. Finalmente, o día 29 dese mesmo mes o pleno recoñeceulle a dedicación exclusiva, pola que percibiría un importe anual bruto de 28.000 euros.

De resultar probada a causa que o xulgado ten aberta contra o concelleiro este terá que devolver o que cobrou ao erario público cedeirense, reiterase desde o goberno municipal.