Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello pecha a campaña de verán con datos que converten a Cedeira na referencia turística do Ortegal

O CONCELLO PECHA A CAMPAÑA DE VERÁN CON DATOS QUE CONVERTEN A CEDEIRA NA REFERENCIA TURÍSTICA DO ORTEGAL

O Concello de Cedeira estase a converter na referencia turística do Ortegal, como así o demostran os datos relativos a temporada estival que rematou hai tan só uns días. Tanto as consultas recibidas na oficina de turismo como os datos relativos á participación nas Xeorutas e o número de visitantes ao castelo da Concepción crecen con respecto aos do ano anterior. Así, o total de persoas que pasaron no verán pola oficina de información turística foi de 6.748 frente as 5.320 que o fixeron na temporada do 2016, o que representa un incremento de case 1.500 visitantes en só tres meses. Un ano máis agosto mantense como o mellor en canto a cifras. O número de consultas recibidas ese mes foi de 4.155, cando en 2016 apenas superaron as 3.100.

Estes bos resultados aínda son máis relevantes no caso do programa das xeorutas, cunha ocupación que rondou o 90% -chegou ao 100% na da Praias Negras e na do Granate-, e unha suba dun 3,1% das inscricións, o que representa no seu conxunto un incremento dun 4,2% respecto ao 2016. O número de participantes foi de 464 persoas -ruta dos Cantís 16,1% (74), Praias Negras 34,1% (158), Cromo 34,4% (159) e Granate 15,4% (73)-. En canto á procedencia dos viaxeiros produciuse un incremento na participacion local nun 8,3%, un descenso do 29,3% da xente de Galicia e unha notable suba dun 30,4% de persoas do resto de España. O número de extranxeiros tamén multiplicouse por 10 respecto ao ano 2016. Como no caso da oficina de turismo, agosto cun total de 216 participantes consolídase como o mes vacacional por excelencia, tamén no caso de Cedeira.

Tampouco queda atrás o castelo da Concepción con respecto a estes bos resultado da campaña estival. Neste caso, o número de visitantes deste verán foi de 4.349 persoas frente ás 1.805 rexistradas no 2016. Cabe apuntar que este ano a fortaleza tamén estivo aberta algúns días de xuño. O mes de agosto volve a destacar, tanto no que se refiere á afluencia de turistas -duplicouse o número de visitantes do mes de xullo (1.672)- como ao incremento das cifras con respecto ao agosto anterior -das 874 persoas de 2016 se chegou ás 2.327 contabilizadas este ano-.

O Concello informa, ao fío destes datos, de que neste mes de setembro mudou o horario de visitas ao castelo da Concepción, que tamén permañecerá aberto ao público durante todo este mes. Así, as persoas que desexen coñecelo poderán facelo de martes a sábado de 11.30 a 13.30 e de 18.00 a 20.00 horas e os domingos de 17.30 a 20.00 horas. O luns permanecerá pechado.

A Concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez, recoñeceu estar moi satisfeita polos resultados obtidos e sinalou a presenza case constante de visitantes ao longo de todo o verán, un afluxo que, segundo a representante municipal, aínda continua durante estes primeiros días do mes de setembro. Rodríguez Pérez destacou o papel que vén desempeñando a oficina de turismo á hora de informar e atender aos visitantes e, neste sentido, comentou como anécdota que este ano houbo unha persoa que chegou a preguntar a que hora non había néboa na garita de Herbeira. A concelleira adiantou que cara ao próximo ano o Concello seguirá apostando por un turismo atractivo pero sostible, polo que desde o goberno local buscaranse novos recursos e manteranse en boas condicións as rutas de senderismo e os espazos naturais.