O Concello mellorará a eficiencia enerxética no paseo da Madalena e na rúa Cuartel
O CONCELLO MELLORARÁ A EFICIENCIA ENERXÉTICA NO PASEO DA MADALENA E
NA RÚA CUARTEL SUBSITUÍNDO LUMINARIAS DE VAPOR DE SODIO POR LEDS
Reducir costes, optimizar servizos e evitar a contaminación lumínica. Así se podería resumir o proxecto de mellora da eficiencia enerxética que o Concello de Cedeira ultima para sacar a licitación e que consiste na substitución de luminarias de vapor de sodio (VSAP) por outras de menor potencia, maior vida útil e menos contaminantes. Son as denominadas LED (diodo emisor de luz).
A obra, que se financiará con cargo ao plan de Medio Ambiente da Deputación da Coruña, materializarase no camiño real da Madalena -o que vén sendo case a metade do alumeado do paseo marítimo- e na rúa Cuartel.
O orzamento estimado do proxecto supera os 36.000 euros e os seus beneficios van dende o aforro enerxético ata a diminución das emisións de dióxido de carbono pasando pola xa citada redución da contaminación lumínica, o que vai permitir que o ecosistema nocturno sexa máis favorable ao crecemento natural de plantas e animais.
As novas luminarias necesitarán menos da metade da potencia eléctrica para producir o mesmo fluxo luminoso que as lámpadas actuais de Vapor de Sodio de Alta Presión (VSAP). A porcentaxe da enerxía eléctrica traducida en fluxo, no caso dos LED, chega a un 90%, un resultado que no relativo a actuación que se levará a cabo en Cedeira supón un aforro económico de case 5.000 euros/ano e outro enerxético superior aos 39.500 Kw/ano
Así, no tramo do camiño real da Madalena o consumo reducirase un 89,5%, pasando dos 27.217 Kw/ano actuais aos 2.866 que terá despois. O orzamento desta obra é de 17.954,86 euros. No tocante á rúa Cuartel, os números tamén son vantaxosos para as arcas municipais, xa que dun consumo que agora está uns 6.940 Kw/ ano pasará a 1.666, o que representa un aforro dun 76,2%.
A través do citado plan provincial, o Concello de Cedeira tamén ten previsto contratar a dous peóns e a un técnico de medio ambiente por un período de dous meses e medio, cun custo de 12.278,28 euros.