Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO LICITA OBRAS DE AMPLIACIÓN DA BEIRARRÚA E CREACIÓN DA REDE DE PLUVIAIS NA RÚA REGUEIRO

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de licitación da obra de “Melloras na mobilidade peonil e na rede de drenaxe da rúa Regueiro”. Cun orzamento de 70.664,56€, esta actuación é un avance máis no esforzo do goberno local de dotar ao casco urbano cunha rede separativa, para conquerir unha xestión do saneamento máis sostible e respectuosa co medio ambiente, ao tempo que se vai anchear a beirarrúa que percorre o vial.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que contar cunha rede separativa, que xestione por un lado as augas residuais das vivendas e por outra as pluviais, tanto da propia rúa como das baxantes das casas, fai que a rede de saneamento non sufra sobrecargas en momentos de chuvia e que a EDAR funcione mellor. Nesa liña, o Concello de Cedeira acomete esta nova obra, como outras que se teñen levado a cabo xa no casco urbano, aproveitando para mellorar a mobilidade coa ampliación da beirarrúa para o tránsito peonil.

A rúa Regueiro percorre uns 120 metros e ten tráfico rodado nunha única dirección, con aparcamento en liña e unha beirarrúa. As obras incluirán a instalación dunha nova rede de pluviais, á que se conectarán os sumideiros e tamén as baixantes das casas, así como a ampliación da zona para o tránsito peonil, que vai pasar a ter 1,40 metros de ancho e vai mellorar sensiblemente as súas condicións de accesibilidade.

O concurso adxudicarase polo procedemento aberto simplificado e as empresas interesadas teñen ata o día 21 desde mes de outubro para presentar as súas ofertas. O prazo de execución da obra será de dous meses.