Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO LICITA, CUN ORZAMENTO DE MÁIS DE 84.000€, A RENOVACIÓN DO ALUMEADO PÚBLICO DA AVENIDA AREA

O goberno local de Cedeira publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación do proxecto de “Renovación do alumeado público na avenida Area e na avenida Castelao”, unha actuación que conta cun orzamento de 84.666,12€ e que incluirá a subministración e instalación de 35 novos farois con tecnoloxía LED. “Trátase dunha rúa con bastante circulación, de vehículos e de persoas, na que unha mellor iluminación vai redundar en máis seguridade vial e cidadá, favorecendo o comercio e a actividade en xeral”, comentou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil.

O proxecto que sae a licitación, e para o que as empresas interesadas poden presentar oferta ata o día 22 de novembro, abrangue a subministración e instalación de 35 luminarias LED, dúas delas na Avenida Castelao e o resto na Avenida Area. O contrato inclue a colocación dos novos farois sobre columnas de oito metros de alto, as canalizacións subterráneas, a posta a terra e as arquetas de paso, así como a retirada das luminarias actuais.

No proxecto, que se vai acometer con financiamento da Deputación da Coruña no marco da segunda fase do POS+Adicional 2022, destaca o cambio que van representar as novas bombillas LED en canto á eliminación da contaminación lumínica, garantindo un fluxo de luz acaído para as necesidades de cada zona, beirarrúa ou calzada, xunto co aforro económico. As luces tipo LED precisan menos da metade da potencia eléctrica que as bombillas tradicionais, de vapor de sodio, para producir a mesma iluminación. Neste sentido, o alcalde reiterou o compromiso do Concello coa mellora da eficiencia enerxética e apuntou que a suba do prezo da electricidade non está a impactar nas contas municipais “precisamente polo importante proceso de renovación da rede de iluminación pública que se levou adiante nos últimos anos”.

Xa no ano 2020 o Concello procedera a renovar o resto da iluminación da Avenida Castelao, cun investimento de máis de 47.000€ para o cambio de 97 puntos de luz. Agora, este novo proxecto permitirá rematar a modernización desta vía, coa substitución das dúas únicas farolas antigas que quedaban neste vial, precisamente na rotonda da que parte a avenida da Area, na que se instalarán os restantes LEDs desta actuación. Nos últimos anos, o Concello de Cedeira renovou máis de 2.000 puntos de luz do casco urbano coa nova tecnoloxía.