Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO LICITA A SUBSTITUCIÓN DO PAVIMENTO DO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL POR MÁIS DE 187.000€

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de licitación para a substitución do pavimento do Polideportivo Municipal, un proxecto valorado en 187.201,41€ (IVE incluído), que se vai acometer a través do convenio suscrito o pasado 1 de xullo coa Deputación da Coruña. A administración provincial asume o 80% e a local o 20% dun investimento que o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, considera “importantísimo para ofrecer as mellores condicións á cancha de xogo, que ten un uso intensísimo e que sofre un alto grao de deterioro”.

O goberno local de Cedeira comezou traballar neste proxecto xa no ano 2018, cando encargou o primeiro informe técnico sobre a situación do pavimento do pavillón deportivo municipal. A actuación que se vai acometer abrangue a substitución do solo de madeira da pista de xogo, cunha superficie de 1.211,37 metros cadrados, e tamén o pavimento de linóleo que está nas zonas anexas, nunha superficie total de 165 metros cadrados. A cancha actual ten parquet cruzado deportivo de 25 mm, directamente colocado sobre o formigón e sen capa de impermeabilización. Hai madeiras levantadas e podres e están especialmente danadas aquelas situadas nas zonas de unión co linóleo, onde afectou máis a humidade.

As obras consistirán no levantamento do chan actual e a colocación dun novo pavimento de tablas de madeira laminada sobre rastreis especialmente deseñada para o uso deportivo. O novo solo irá asentado sobre un conxunto de tiras de goma, baixo os rastreis, destinado a evitar a deformación da superficie e a absorber os impactos. Nas zonas anexas á pista de xogo instalarase un pavimento sintético, pero desta volta cunha capa de impermeabilización por debaixo que garanta unha maior durabilidade. Xunto co chan, o proxecto tamén inclúe a substitución do actual marcador por un dixital que se adaptará a todos os deportes que se desenvolven neste espazo.

As empresas interesadas en presentar a súa oferta ao concurso poden facelo ata o vindeiro 17 de outubro. O concurso segue o procedemento aberto simplificado e o prazo de execución será de dez semanas.

Moreda Gil subliñou a importancia desta actuación e recordou que no que vai de ano o goberno local ten investido xa preto de 80.500€ en diferentes obras menores para a mellora e posta ao día de diferentes instalacións deportivas, aos que hai que sumar os 36.000€ en axudas a clubes da localidade. O alcalde agradeceu a colaboración da Deputación, esencial para que o Concello poida acometer unha actuación desta envergadura, e recordou que a administración provincial ten tamén en marcha os trámites para realizar un investimento de máis de 350.000€ na mellora do trazado da estrada DP-2206 na curva de Tide.