Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO LEVARÁ A AUGAS DE GALICIA O PROXECTO DE REXENERACIÓN DO CURSO MEDIO DO RÍO CONDOMIÑAS

O goberno local de Cedeira dispón xa do proxecto de acondicionamento ambiental do curso medio do río Condomiñas e ten solicitado formalmente unha reunión coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para presentarllo e solicitar a colaboración da administración autonómica na súa execución. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que “é un proxecto especialmente ilusionante, porque significará recuperar zonas que agora son inaccesibles e brindarlle á cidadanía un paseo fluvial de gran valor natural e paisaxístico, devolvéndolle o equilibrio ao río e á súa contorna”.

Moreda Gil explicou que é un proxecto orzamentado en preto de 400.000 euros e que representa a primeira fase dunha intervención máis ambiciosa que o seu goberno local prevé desenvolver en dúas fases posteriores. Así, esta primeira abrangue o curso medio do Condomiñas, desde a Ponte da Acea ata pasado o muíño de Chimparra, no cruce coa estrada CP-2204. É a zona máis degradada, como expón o proxecto redactado pola empresa especializada Serye Ingenieros, pola proximidade do polígono industrial da Xunqueira e, en xeral, pola acción humana, maior da que existe curso arriba.

A intervención proxectada prevé a creación dunha senda fluvial, a recuperación da flora e a fauna autóctonas e a erradicación das especies alóctonas, así como a rexeneración dos noiros e a posta en valor do percorrido. Actualmente, no tramo hai zonas co paso impedido por muros ou mesmo pastores eléctricos e o proxecto contempla a apertura do paso eliminando ou retranqueando estes obstáculos pola zona de servidume do río, que abarca cinco metros a cada lado do curso fluvial.

A senda peonil irá por unha marxe e farase sobre unha base de xabre que pronto cubrirán as follas e quedará integrada no entorno. Non terá un deseño lineal, senón adecuado á contorna e, en xeral, tratarase de que ofreza o aspecto máis natural. Nos puntos nos que é preciso, empregaranse estruturas de madeira para salvar o paso da auga, e situaranse, ao longo do percorrido, mojóns de pedra para que o camiño estea identificado.

O proxecto contempla tamén a instalación de niños e refuxios acaídos para propiciar a captación de paxaros como os pardais, os ferreiriños, paporroibos, lavandeiras… e a plantación de bidueiros e carballos en determinados puntos. Estas árbores repoboarán unha parcela de titularidade municipal próxima ao río, na que se instalarán mesas tipo merendero para conformar unha zona de descanso e convivencia.

Na intervención está prevista tamén a posta en valor do patrimonio asociado ao Condimiñas e a súa contorna a través da información que se porá a disposición dos camiñantes con códigos QR en pivotes de madeira colocados en catro puntos da senda peonil.

Moreda Gil quere destacar a valiosa colaboración da Asociación de Amigos dos Ríos de Cedeira, unha entidade que traballou intensamente para a recuperación desta zona do curso do Condomiñas e que, de feito, conseguiu despexar gran parte do seu percorrido. O alcalde agradeceu a implicación desta entidade e tamén do Club Candieira, así como do biólogo cedeirés Antón Pérez Cribeiro, na definición dos obxetivos deste proxecto. Recordou tamén o alcalde que este é un proxecto que dá continuidade ao que reallizou o Concello nos anos 2007-2011, baixo a alcaldía de José Luis Vergara, para recuperar o río Condomiñas desde o Parque dos Patos e a Ponte da Acea, e que contara con financiación da Deputación da Coruña.

Os esforzos do goberno local diríxense agora a garantir o apoio financeiro necesario para acometer a execución deste proxecto coa vista posta, no futuro, noutras dúas fases para seguir avanzando na recuperación do río curso arriba.