Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO LEVA O STREET ART MÁIS ALÁ DOS EDIFICIOS MUNICIPAIS A TRAVÉS DUN CONCURSO DE PINTURA MURAL

O Concello de Cedeira dá un novo paso no devezo de facer da vila un museo ao aire libre, extendendo a arte urbana tamén a paredes e fachadas de entidades e particulares. Así, despois de promover a realización de diferentes murais en instalacións e edificios municipais, a aposta polo street art ábrese a asociacións e particulares que desexen desenvolver os seus propios proxectos. Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, se van publicar en breve no BOP as bases dun concurso de pintura mural a través do cal o Concello vai apoiar, con dúas axudas de 2.500€ cada unha, a realización doutras tantas obras que contribuirán a decorar e adecentar a vila.

Moreda Gil recorda que o Concello impulsou nos últimos anos, contando para elo con diferentes artistas, a realización de murais no auditorio, na biblioteca, na ponte nova, a estación de bombeo, o colexio Nicolás do Río e a escola infantil. A última obra que se sumou a esta galería de arte urbano foi o mural adicado ao Samaín. “Cónstanos o interese dalgunha entidade veciñal por poñer en marcha o seu propio proxecto, de maneira que convocamos este primeiro concurso para apoiar desde o Concello dúas propostas, co desexo de que a idea prenda e no futuro poidamos facer máis edicións”, comentou o alcalde.

A partir da próxima publicación das bases abrirase un prazo de quince días para que as asociacións veciñais, culturais, sociais e, en xeral, calquera persoa interesada formule propostas de espazos da súa titularidade a tratar. A selección das ubicacións correrá a cargo dunha comisión técnica que terá en conta as condicións de seguridade estrutural do muro, a viabilidade dos traballos, o interese espacial e urbano, a existencia de elementos descontextualizados como cables, caixas de servizos… e outras cuestións que poidan afectar á efectividade dos murais.

A temática será libre, pero terán prioridade os murais identitarios que relaten a historia de Cedeira, as súas actividades, fontes de riqueza e aqueles aspectos que identifiquen á vila. Estarán prohibidas as representacións que constitúan apoloxía da violencia, obras de contido racista, sexista, xenófobo, obsceno ou calquera outro que atente contra a dignidade das persoas.