Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO INVITA Á VECIÑANZA A ENCHER A VILA DE CABAZAS TEBROSAS E GOZAR DUN SAMAÍN DIFERENTE

O Concello de Cedeira invita á veciñanza a gozar do Samaín dunha maneira diferente, desta volta sen xuntanzas nin a tradicional exposición, para cumprir coa tradición ao tempo que mantemos a distancia e todas as medidas de prevención recomendadas polas autoridades sanitarias. A concelleira de Cultura, Ermitas García, explicou que este ano as casas van ser o núcleo da festa e invitou a tallar as cabazas ou os melóns en familia para poñelos durante a tarde-noite do sábado 31 nas portas ou nas fiestras, cunha candea que as ilumine e lles dea o seu aspecto arrepiante.

A edil animou a todos os veciños e veciñas a participar un ano máis na festa e colaborar para encher Cedeira de cabazas, ao tempo que animou a facer colares de zonchos e saír con eles na tarde-noite do sábado, respectando as distancias e por suposto o límite horario, para gozar da fermosa imaxe que vai ofrecer a vila. Tamén desde o Concello se fai un chamamento a facer fotos e compartilas nas redes sociais co hashtag #cabazassamain2020.

O programa, ao marxe disto, ofrece dúas citas para o público familiar. O Auditorio Municipal acollerá este venres, ás 20.00 horas e coa colaboración da Deputación, o espectáculo “Pakolas en concerto”. No mesmo lugar o domingo, ás 12.30 horas, vai actuar “Xan Perillán e a maleta máxica”, unha actividade programada coa colaboración de Política Lingüística da Xunta.

 

Mural

Por outra parte, a concelleira Ermitas García informou de que o goberno local vai facer unha homenaxe ao Samaín na próxima acción do programa de “arte na rúa” ou “street art”. A artista Laura Recio Hidalgo (@aole.ilustra en Instagram) será a encargada de pintar un mural nunha parede situada na Rúa da Cruz número 13, un lugar polo que tradicionalmente vai a ruada das pantasmas.

A concelleira explicou que o Concello xa conta co permiso dos propietarios e que proximamente será realidade este mural, confiado á ilustradora e deseñadora madrileña que leva anos firmando os carteis do Samaín de Cedeira e tamén participando nas activides e no obradoiro no que, habitualmente, colabora na realización dun gran mural en papel.