Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO INVITA Á CIDADANÍA A LEMBRAR A ROSALÍA DE CASTRO A TRAVÉS DAS REDES SOCIAIS

O Concello de Cedeira súmase un ano máis á celebración do Día de Rosalía de Castro, co que se conmemora cada 24 de febreiro o aniversario so seu nacemento. Este ano, no que se cumpren 184 anos da efeméride, desde o goberno local invítase á cidadanía a lembrar á poeta a través das redes sociais, tal como se están a desenvolver outras iniciativas encamiñadas a manter a vida cultural e respectar as recomendacións das autoridades sanitarias.

Así, desde o Departamento de Cultura de Cedeira suxírese á veciñanza facer vídeos coa lectura dalgún poema ou seleccionar algúns versos e compartilos nas redes sociais co hashtag #RosalíaenCedeira, ou ben envialos por Whatsapp -649876614- ou por correo electrónico – enrique.vazquez@cedeira.gal- para colaborar na montaxe que fará o propio Concello nas súas redes.

O Concello de Cedeira invita tamén aos veciños e veciñas a sumarse á iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega e celebrar o día 24 agasallando cun libro en galego ás persoas queridas.

Cómpre recordar que o Concello de Cedeira adicoulle a Rosalía de Castro un dos murais de “street art” que decoran a vila. Así, desde o ano 2019 o rostro da poeta decora un dos muros exteriores da biblioteca municipal e conta tamén cunha rúa ao seu nome na vila.