Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO INVESTIU PRETO DE 30.000€ NA EXECUCIÓN DUN NOVO PAVIMENTO NO PATIO DO COLEXIO AREAL

O Concello de Cedeira vén de investir preto de 30.000€ na execución dun novo pavimento para a pista deportiva do colexio Areal –actual extensión do CEIP Nicolás do Río- para unificar o seu nivel coa zona cuberta do patio e eliminar os chanzos actuais. A obra permitiu dotar á superficie dunha nova canalización de augas pluviais, que se recollen a través de novos sumidoiros na liña de unión entre as dúas zonas. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que unha vez máis esta é unha actuación que fala da aposta do goberno municipal pola mellora da calidade do ensino público e “coa que esperamos vencer atrancos e achandar o camiño á Consellería de Educación para que asuma a cuberta deste espazo”.

A obra consistiu na aplicación de formigón con fibra, cun acabado semi-pulido, acaído para a práctica deportiva. O firme anterior era de aglomerado e presentaba unha superficie moi irregular na que a cotío se formaban pozas de auga. A existencia de chanzos contribuía tamén a que se produciran caídas e pequenos accidentes entre a cativada.

En febreiro de 2021 o pleno da corporación de Cedeira aprobou por unanimidade unha moción na que se recollía a petición, compartida pola comunidade educativa, de que se dote ao patio do Areal dunha estrutura cuberta. A intervención do Concello é unha aposta máis para que se faga realidade dita demanda.