O CONCELLO FIRMOU ONTE EN SANTIAGO O CONVENIO PARA A AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL

O goberno de Cedeira vén de firmar o convenio de colaboración coa Consellería de Política Social para que a ampliación da escola infantil sexa unha realidade cara ao curso 2019-2020.
No acto déronse cita na mañá de onte en Santiago o titular da Consellería, José Manuel Rey Varela, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e, por parte do Concello, o alcalde, Pablo Moreda Gil, e os concelleiros de Educación e Cultura, Robustiano Labraña e María Xosé Rodríguez Pérez, respectivamente.

O alcalde, ademais de valorar o acordo que acababa de asinar, adiantou que a idea que baralla a Xunta é sacar a licitación a obra ao longo do próximo mes de setembro e recordou así mesmo que se trata dun investimento de 141.337,70 euros, do que o Consorcio desembolsará 100.000, mentres que o montante restante corresponderalle ao Concello. As obras proxectadas permitirán aumentar a oferta do centro en 20 prazas, ao pasar de 58 (4 unidades) a 78 prazas (5 unidades), elevando a taxa de cobertura para nenos de 0 a 3 anos no municipio e paliando a lista de agarda de 21 nenos. Moreda Gil considerou que o acordo alcanzado coa Xunta “é un importante logro, cuxo éxito lle corresponde a todo o pobo, e que responde a unha necesidade moi demanda e que agora será moi ben recibida por pais con fillos menores de tres anos”.

O alcalde lembrou especialmente aos pais que, cunha campaña de recollida de sinaturas, foron quen de mobilizar a todo un pobo a prol dunha demanda tan xusta como necesaria.

A obra consistirá na ocupación dun segundo edificio anexo ao actual e a adecuación das instalacións agora en uso ás condicións impostas desde o Consorcio. Así, no actual edificio construiranse un aseo de uso público, un despacho, unha sala de mestres e un segundo baño con cambiador incorporado. Na segunda edificación, a reforma dos 105 m2 pasa pola creación dunha aula para nenos de 2-3 anos, un aseo para cativos de tres, unha cociña con despensa de máis de quince metros cadrados, un distribuídor e un acceso á primeira planta.

Estas obras suporán cambios tamén no exterior da escola infantil. O acceso actual do segundo edificio reconverterase en saída de emerxencia, polo que se prevé a construción dun novo para chegar á primeira planta do mesmo, así como modificar a ventá existente baixo a escaleira e substituila por unha porta de características similares ás que xa existen. O feito de pasar de un a dous edificios anexos obrigará a modificar o punto de acceso á parcela, xenerando a construción dunha nova rampa e unha plataforma horizontal na fronte da edificación. Estes cambios traduciranse en máis espazos de recreo e na adaptación do peche perimetral.