O CONCELLO FINANCIA A COMPRA DA PLATAFORMA ELEVADORA PARA A FURGONETA DA ASOCIACIÓN SOBRE RODAS

O Concello de Cedeira recoñece o labor que a Asociación Sobre Rodas está a facer, dándolles visibilidade e prestándolles axuda ás persoas con discapa­cidade, colaborando economicamente na adaptación do vehículo adquirido pola entidade este mesmo ano.

O equipo de goberno asegura estar moi contento co traballo que fai a asociación no ámbito local e destacou de maneira moi especial o que realizan os voluntarios, entre os que se atopan os condutores do transporte adaptado. A pesar de todo, os recursos da entidade son bastante limitados, segundo apuntan os responsables municipais.

A corporación municipal aprobaba na última sesión plenaria por unanimidade unha subven­ción, por importe de 5.131 euros, para a compra da estrutura elevadora que habilitará a furgoneta para o transporte de persoas en cadeira de rodas.

O importe da axuda concedida garante o financiamento da plataforma que, segundo a presi­denta da entidade, Malena Pérez Villar, podería entrar en funcionamento nun prazo de quince días. Este servizo aumentará considerablemente os usuarios do vehículo adaptado, cuxo núme­ro de viaxes pode ser de máis de cen ao cabo dun mes. Pérez Villar agradeceu ao Concello a sensibilidade que está a mostrar coa xente con mobilidade reducida e recordou así mesmo que o traballo que desde o Concello se está a facer no campo da accesibilidade nas beirarrúas tamén é moi importante para mellorar o día a día das persoas con problemas de mobilidade. A entidade Sobre Rodas ten arredor de 490 socios.