Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ENVÍA Á DEPUTACIÓN O PROXECTO TÉCNICO PARA A SUBSTITUCIÓN DO PAVIMENTO DO POLIDEPORTIVO

O pleno da corporación de Cedeira aprobou na súa última sesión o proxecto técnico para a substitución do pavimento do polideportivo municipal e a colocación dun novo marcador, despois de subsanar unhas cuestións requiridas polo Servizo de Contratación da Deputación da Coruña. Avanza así a tramitación para a sinatura dun convenio a través do cal a institución provincial vai financiar o 80% do custo da intervención, valorada en 187.201€. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que o seu equipo leva traballando desde hai anos para facer realidade estas obras, que van mellorar considerablemente a calidade do pavimento da cancha no pavillón. “Afortunadamente temos un concello cunha grande actividade deportiva, o que fai que esta instalación teña un uso intensivo ao longo de todo o ano, e de aí que os beneficios da mellora vaian repercutir en moita xente”, comentou.

O proxecto técnico contempla a substitución do solo de madeira da cancha deportiva, que ten unha superficie de 1.211 metros cadrados, así como das zonas anexas, tamén empregadas para o desenvolvemento de actividades, que teñen pavimento de linóleo e suman outros 165 metros cadrados. O actual chan está formado por parquet cruzado deportivo de 25mm, que está directamente colocado sobre o formigón, sen capa de impermeabilización. Están especialmente danadas, ou xa non existen, as madeiras das zonas de unión co linóleo.

As obras prevén a colocación de tablas de madeira maciza de 22mm sobre rastreis de madeira laminada, cun conxunto de tiras de goma por debaixo que están especialmente deseñadas para este tipo de uso e que evitan a deformación do solo e melloran a absorción dos impactos. Fóra da cancha instalarase un pavimento sintético, cunha capa de impermeabilización. O proxecto contempla tamén unha mellor solución para as liñas de unión entre os dous tipos de chan.

Na intervención está incluída tamén a dotación dun novo marcador que servirá mellor para todos os deportes que se practican na cancha e ás súas actuais normativas.