Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello de Cedeira toma medidas para evitar novos derrubamentos sobre a estrada do porto

O CONCELLO DE CEDEIRA TOMA MEDIDAS PARA EVITAR NOVOS DERRUBAMENTOS
SOBRE A ESTRADA DO PORTO

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, acudiu esta mañá a Cedeira, a instancias do seu goberno local, para visitar a zona que resultou afectada a pasada semana polo derrubamento dun ribazo sobre a estrada que vai ao peirao. No percorrido estivo acompañado polo alcalde, Pablo Moreda; a primeira tenente de alcalde, María Xosé
Rodríguez López; o concelleiro de Deportes, Nicolás Vergara; e a patroa maior da Confraría de Pescadores de Cedeira, Lucía Villar.

Na visita acordouse que Portos de Galicia vai acometer unha corta das árbores que aínda poden significar perigo ou contribuír a novos derrubamentos, e tamén que retirará uns depósitos de auga que están na zona e poden afectar á súa estabilidade. A actuación abranguerá unha franxa duns 50 metros arredor do punto no que se produxo o deslizamento da pasada semana.
Nesta mesma liña, o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, informou de que xa se ten localizados aos propietarios das 45 parcelas de monte que están próximas ao lugar e que de maneira inmediata se lles vai requirir que corten os eucaliptos que crecen na zona e que, pola súa envergadura,poñen en perigo a estabilidade do terreo. Moreda explicou que no mesmo requirimento se lles informará de que a Lei de Montes en vigor prohíbe a prantación destas árbores a menos de 50metros das vivendas.

O interese do goberno municipal é garantir a seguridade da zona e que non se repitan incidentes como o acontecido, que afortunadamente non supuxo ningún dano persoal.