Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA SÚMASE Á CONMEMORACIÓN DO DÍA MUNDIAL CONTRA O CANCRO

O Concello de Cedeira iluminou hoxe de verde o edificio consistorial e o Palacete para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro, nunha acción que un ano máis se coordinou coa xunta local da Asociación Española contra o Cancro (AECC) e cuxa finalidade é sensibilizar á poboación da incidencia desta enfermedade e da necesidade de combatila a través da investigación científica.

A presidenta da xunta local da AECC, Teresa Beceiro, expresou neste día a súa preocupación polas dificultades engadidas que está a representar a pandemia para as persoas afectadas por algún tipo de cancro. “Pese ao covid, o cancro segue aquí, e o feito é que se están a retrasar os diagnósticos e os tratamentos -di Teresa Beceiro-; cómpre recordar que o diagnóstico a tempo salva vidas”. Beceiro aludiu á rapidez coa que afortunadamente se desenvolveron as vacinas contra o covid-19, como un exemplo do que a investigación científica pode lograr co investimento necesario.

A xunta local da AECC creouse hai catro anos en Cedeira. O seu traballo, moi enfocado á recaudación de fondos para a investigación, está tamén dirixido á sensibilización sobre a realidade desta enfermidade e á axuda ás persoas enfermas e ás súas familias. “Desde que estamos aquí a palabra cancro dise con máis tranquilidade”, comenta Teresa Beceiro, para quen “hai que terlle respeto, pero tamén perderlle o medo”.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, puxo de manifesto o apoio do Concello ao traballo da xunta local da asociación e subliñou que “a luz verde coa que se vestiron hoxe os dous edificios municipais quere ser un sinal de solidariedade coas persoas enfermas e as súas familias e tamén unha chamada en demanda de maiores investimentos na investigación do cancro”. O rexedor considerou que a pandemia non pode representar unha baixada da garda na atención aos pacientes oncolóxicos.