Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello de Cedeira recupera o antigo escolar de Santalla para darlle un uso social e turístico

O Concello de Cedeira recupera para uso público o antigo escolar de Santalla, unha propiedade municipal utilizada durante os últimos sete anos pola Organización Juvenil Española(OJE). Esta decisión responde á extinción, por mutuo acordo, do contrato que a administración local subscribira no 2013 coa entidade xuvenil e pon “freo ao erro histórico que foi a súa concesión”, segundo apuntou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, no pleno no que a proposta do goberno resultou aprobada por unanimidade.

A recuperación da propiedade abre a posibilidade, segundo o rexedor municipal, de adaptar o inmoble para acoller un albergue na planta baixa e unha vivenda na superior. O albergue permitiría aloxar turistas e peregrinos, mentres que casa sería para casos de emerxencia social “moi necesaria”, segundo o alcalde. O antigo escolar, situado na parroquia de Cervo, consta dunha primixenia construción escolar á que posteriormente foi engadido un soportal.

O pleno, que tivo carácter extraordinario, serviu tamén para aprobar un remanente de tesourería que, por un importe de 408.509,59 euros, dará lugar a un conxunto de 45 actuacións. Algunhas delas son: a subministración de máis de 900 lámpadas led para distintos lugares da zona rural, a mellora de camiños públicos en Fernando Lago, Cordobelas e Bouzas e a construción de beirarúas no cemiterio municipal. Tamén se contempla a realización dunha nova rede de saneamento na rúa Amor Hermoso, a pavimentación de pistas municipais, a recuperación integral do río Condomiñas a realización dun mural exterior na escola infantil e o arranxo de fontes públicas. Este punto saiu adiante cos votos a favor do equipo de goberno e do BNG e a abstención do grupo popular.

Esta mesma votación repetiuse con respecto á proposta da Alcaldía pola que se delega na Xunta de Goberno o establecemento e modificación do prezo público para a prestación de campamentos e demais actividades dirixidas á poboación infantil. Desde o equipo de goberno destácase a necesidade deste acordo para dar continuidade á celebración do campamento que a ANPA Picapeixe, do colexio Nicolás del Río, organiza durante os meses de verán para escolares de Infantil e Primaria.

Outros asuntos tamén aprobados foron a declaración de interese público da obra de construción do fogar residencial de maiores e vivendas comunitarias; o establecemento dun complemento retributivo aos empregados públicos en situación de incapacidade temporal ou licenza por enfermidade;, as solicitudes de participación no POS+Adicional para gastos sociais derivados da COVID-19 e a aprobación das bases da subvención para o funcionamento das escolas de música da localidade. Na sesión plenaria tamén tivo lugar o sorteo das mesas electorais para os comicios autonómicos do próximo mes.