Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA PIDE Á XUNTA QUE REVISE E FLEXIBILICE AS ZONAS PERMITIDAS PARA A PESCA DEPORTIVA

O Concello de Cedeira insta á Xunta a revisar e flexibilizar as zonas permitidas para a práctica da pesca deportiva na vila e a ampliar o número de menores que poden estar a cargo dunha persoa adulta para realizar esta actividade. Así se acordou por maioría a través dunha moción do PSOE presentada ao pleno da corporación, na que se expón que “no porto de Cedeira sempre foi compatible a pesca deportiva coa actividade marítimopesqueira, sen que se coñeza ningún tipo de problema ou de queixa”.

A moción socialista recorda que a Lei 6/2017 de Portos de Galicia, aprobada no Parlamento polo Grupo Popular, prohibía totalmente a pesca recreativa nas instalacións portuarias. Dita normativa estaba a ser incumprida desde entón “probablemente froito da conciencia por parte do Goberno de Galicia de que era errónea”. Para superar esta “situación absurda”, este ano produciuse un debate parlamentario no que, tras unha emenda socialista, aprobouse por unanimidade abordar as modificacións necesarias para facer compatibles os usos portuarios e recreativos, co consenso dos axentes implicados.

Como consecuencia daquel acordo, o 6 de agosto publicouse no DOG unha resolución na que se levantaba a prohibición vixente para a pesca deportiva e se marcaban as zonas autorizadas. “Esta limitación, a pesares das indicacións dalgúns colectivos de pescadores recreativos, inclúe prohibicións en moitos espazos que son de uso habitual e que, de maneira cotiá, véñense usando durante moito tempo sen provocar problema ningún e en convivencia normalizada cos usos portuarios”.

En Cedeira, concretamente, dita resolución permite a pesca deportiva entre o muro do paseo e a estrada segundo se entra na zona portuaria, ata onde está colocada a Peixeira. De acordo coa moción aprobada polo pleno, a zona autorizada supón un risco polo tráfico de vehículos, en doble sentido, que circulan pola estrada. “Todo isto pode supoñer que os nosos maiores e os nosos pequenos busquen outras zonas para realizar a pesca deportiva, especialmente rochas e cantís, o que supón un perigo constante”, explica a moción.

No acordo do pleno requírese á Xunta que revise a súa resolución e flexibilice as zonas permitidas “maximizando as posibilidades dentro da compatibilidade de usos” e amplíe o número de menores que pode estar a cargo dunha persoa adulta.