Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA OBRAS DE MELLORA EN MÁIS DE 1,2 KM DE BEIRARRÚAS DO CASCO URBANO

O Concello de Cedeira vai sacar a licitación o proxecto de “Mellora nas beirarrúas na Avenida de España, as rúas Ponte Nova, José Pascual López Cortón, Salinas e Camiño de Pitilleira”, unha actuación que conta cun orzamento de 219.932,78€ e que vai traducirse na renovación de máis de 1,2 quilómetros lineais de beirarrúas en cinco viais do casco urbano da vila. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que a actuación se vai executar con cargo aos fondos do POS+Adicional por maior achega da Deputación da Coruña.

O proxecto contempla a substición das beirarrúas en ambas marxes, salvo no caso da rúa López Cortón, na que as obras só afectarán a unha. Levantarase o pavimento e o bordo actual, que se atopa bastante deteriorado, e colocarase un novo. Nas rúas Avenida de España, López Cortón, Camiño de Pitilleira e Salinas as novas pezas serán de formigón granallado, mentres que na Ponte Nova irán outras de pedra granítica.

Ademais, as obras aproveitaranse para dotar dun maior ancho ás beirarrúas na Avenida de España, no tramo que vai da rúa México á de As Pontes. Alí, o espazo destinado aos peóns ampliarase ata ter 1,80 metros de ancho.

As obras licitadas entran dentro do Plan de Mellora da Mobilidade Urbana de Cedeira e permitirán corrixir, precisamente, algunhas das carencias que constata o documento en canto, en palabras do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, ao “importante deterioro do firme nalgunhas rúas da localidade e ao déficit de espazos amplos doutras, como acontece, por exemplo, na Avenida de España onde non poden pasar dúas cadeiras de rodas ao mesmo tempo”.