Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA A MELLORA DO FIRME EN CATRO CAMIÑOS CUN ORZAMENTO DE MÁIS DE 41.000€

A Xunta de Goberno de Cedeira aprobou o expediente de licitación da obra de mellora dos firmes nos viais que dan acceso aos núcleos rurais de Santallamar, Corcobelas, Magoira e Os Candales. O concurso está publicado xa na Plataforma de Contratación do Sector Público cun prezo de 41.489,47€ (IVE incluído), dos que 21.993,31€ serán financiados cos fondos sobrantes do programa POS+Adicional 2021 e o resto correrá a cargo do Concello. Con esta actuación renovarase o asfalto de máis de 1,6 quilómetros de camiños municipais que dan acceso a catro núcleos rurais do municipio, mellorando así a seguridade viaria.

A pista de máis lonxitude na que se vai mellorar o firme é a dos Candales, con 447 metros de percorrido e un ancho medio de 3,10 metros. Séguelle o vial de Cordobelas, que enlaza o devandito núcleo coa estrada AC-566, con 410 metros de lonxitude e o mesmo ancho medio.

A estes dous camiños súmanse, no mesmo proxecto, o de Santallamar e o de Magoira. O primeiro dá acceso a un núcleo de vivendas importante e ten 221 metros de lonxitude, cun ancho medo de 3,10 metros. Por último, na zona de Magoira vaise actuar nun camiño de 240 metros de percorrido e nunha bifurcación do mesmo de 316, ambos cun ancho medio de 3,10 metros.

Os traballos consistirán, en todos os casos, na limpeza das gabias e no varrido da calzada para aproveitar ao máximo o ancho dos viais, así como no recheo de fochancas e o tratamento dos camiños aplicando unha capa de aglomerado en quente de cinco centímetros.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro día 8 de xuño para presentar as súas ofertas a esta licitación, que sae polo procedemento aberto simplificado. O prazo de execución das obras será de dous meses.