Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA A CONCESIÓN DO “CHIRINGUITO” DA PRAIA DA MAGDALENA

O Concello de Cedeira sacou a licitación, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público, a concesión da cafetería da praia da Magdalena para os vindeiros dous anos. Sae a concurso o “chiringuito”, como é coñecido, precisamente cando o goberno municipal está a executar uns traballos de reparación para poñelo ao día despois de máis dun ano pechado. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que “os arranxos da caseta eran precisos para garantir a súa posta a disposición do concesionario e dos usuarios en boas condicións”, e celebrou que este servizo a pé de praia vaia funcionar de novo este verán, “un sinal máis de que avanzamos cara unha mellor situación”.

Os traballos de mantemento, valorados en 17.443€ (IVE incluído) e que xa está realizando a empresa de construción Prieto Mouriz, consisten na reparación da cuberta, a colocación de baixantes, pintura interior do teito, revisión da instalación eléctrica e da fontanería, así como diversos arranxos na carpintería de madeira.

A cafetería está situada no acceso á praia da Magdalena, á altura do número 59 do Camiño Real, e a súa xestión sae a concurso por dous anos, prorrogables a outros tres. É unha construción de madeira que conta con 90 metros cadrados de superficie no seu interior, repartidos en barramostrador, espazo de cafetería para a consumición, cociña, almacén e baños masculino e feminino. A concesión afecta tamén a unha superficie no exterior, para a instalación de terraza, de 150 metros cadrados.

Os pregos establecen que o canon anual mínimo será de 767€ e que a partir do segundo ano, en caso de prórroga do contrato, poderá actualizarse esta cantidade en función do IPC. Como mínimo, o servizo de bar-cafetería funcionará do 1 de xuño ao 30 de setembro, en Semana Santa e o 15 de maio, aínda que o concesionario pode ofertar máis tempo de apertura, sempre dentro dos horarios autorizados pola normativa autonómica. Permitirase un día de peche á semana, que non sexa venres, sábado ou domingo. O concesionario ocuparase da atención do bar-cafetería e da limpeza e mantemento das instalacións e espazos anexos.

Entre os criterios que terá en conta o Concello para a concesión da explotación, ademais do incremento do canon de explotación, están a decoración da caseta e a realización de melloras nas instalacións, a utilización de dispositivos de aforro enerxéctico e a incorporación doutros equipamentos, así como, no proxecto de explotación, a utilización de produtos locais na carta, a oferta de pratos para persoas con intolerancias alimentarias, veganas, etc, ou a organización de actividades lúdicas.

O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o 14 de xuño.