Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA LANZA UNHA CAMPAÑA PARA PROMOVER A RECOLLIDA DAS DEPOSICIÓNS CANINAS

O concello de Cedeira vén de poñer en marcha unha nova campaña de concienciación cidadá para evitar que os excrementos das mascotas queden nas vías e espazos públicos do municipio. Carteis e sinais servirán para recordar ás persoas propietarias de cans a importancia de manter, neste eido, un comportamento cívico, ao tempo que se reparten de xeito gratuíto uns dispensadores de bolsiñas biodegradables para a recollida das cacas.

O Concello repartirá un total de 350 dispensadores, que levan o logo de Cedeira e están fabricados con fibra de bambú, un material reciclable e ecolóxico. As persoas interesadas poden pasar xa a recollelas polas oficinas do rexistro, no consistorio, en horario de 09.00 a 14.00 horas.

Desde o Concello, recordan que a limpeza das deposicións das mascotas é unha conduta cívica que beneficia a toda a comunidade. Deixar os excrementos na rúa é un problema de primeiro orde para calquera administración local, porque son un foco de infeccións ao que están especialmente expostos os nenos e nenas ou as personas en cadeira de rodas. Tamén porque xera conflitos entre a veciñanza, supón un gasto para o servizo de limpeza e dá mala imaxe da vila.

A campaña tamén leva aparellado informar ás persoas que teñen de can que non recoller as deposicións na rúa conleva multas que poden estar entre os 60 e os 500€, segundo establece o regulamento municipal.