Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello de Cedeira insiste na necesidade de mellorar os resultados da recollida selectiva

O CONCELLO DE CEDEIRA INSISTE NA NECESIDADE DE MELLORAR OS RESULTADOS DA RECOLLIDA SELECTIVA

O Concello de Cedeira está a levar a cabo unha campaña de sensibilización entre a veciñanza para apostar pola separación de lixo en orixe coa fin de mellorar os resultados que se están a dar e de tratar de rebaixar costes á administración local.

Esta iniciativa consiste na distribución en comercios, entidades e vivendas dunha publicidade na que se recorda que hai que separar ben para reciclar mellor e que a colaboración de todos é un xesto solidario a prol da comunidade e do medio ambiente.

Esta medida tamén coincidiu coa celebración a pasada fin de semana dunha nova campaña de limpeza do río Condomiñas, a terceira que se realiza en dous meses. A pesar das dúas anteriores, o labor voluntario de veciños e socios da Asociación Amigos dos Ríos volveu a sacar á luz tubos de escape, tambores de lavadoras e moitos máis obxectos enferruxados que ata agora se atopaban no leito do Condomiñas. Desde a concellería de Medio Ambiente anuncian que haberá máis iniciativas como as xa realizadas.