Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello de Cedeira estará presente no pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía

O pleno de Cedeira acaba de aprobar por unanimidade a adhesión do Concello de Cedeira ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía (Covenant of Mayors Climate&Energy), polo que a administración local se compromete a mellorar a eficiencia enerxética, a reducir as emisións de CO2 e a aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático.

Na actualidade, o 10% do consumo eléctrico do Concello de Cedeira ten a súa orixe nas enerxías renovables e entre os obxectivos nesta materia do executivo local está estender a medida á totalidade de iluminación pública antes de que remate o próximo ano.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, que participou nunha reunión do Pacto dos Alcaldes, destacou o traballo que desde o Concello se leva realizado nos últimos anos no sentido de reducir consumo e contaminación e apostar pola eficiencia e respecto polo medio ambiente, ademais de engadir que “o cambio climático é responsabilidade de todos, comezando polas administracións”.

Esta política, segundo o rexedor municipal, tamén dará lugar á adhesión do Concello á Central de Contratación da Federación de Municipios e Provincias para garantir que toda a enerxía eléctrica que se compre proceda de renovables.

A participación de Cedeira no Pacto de Alcaldes obriga a administración local a redactar, no prazo de dous anos, un plan de acción para facer un seguimento das medidas adoptadas e avaliar os riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático.

O Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía consiste no compromiso dos concellos en faceren propios os obxectivos da Unión Europea para o ano 2030 e reduciren as emisións de CO2 no seu territorio en, polo menos, o 40% a través de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxías renovables.