Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA CONTRATA O 100% DO SUMINISTRO ELÉCTRICO NAS SÚAS INSTALACIÓNS DE FONTES RENOVABLES

O pleno da corporación cedeiresa aprobou na súa última sesión contratar a totalidade do suministro das instalacións municipais de alta e baixa tensión de enerxías verdes. Segundo recordou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, con anterioridade o goberno local xa apostara polas renovables para alimentar os edificios municipais, pero agora a decisión exténdese á totalidade da factura eléctrica do Concello, na consideración de que “as administracións públicas deben de ser as primeiras que aposten polo consumo deste tipo de enerxías limpas”.

Así, o Concello de Cedeira dá un paso máis na súa política a prol do coidado do medio ambiente e na loita contra o cambio cllimático, que xa deixou patente na sinatura do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía. No marco de dito pacto está en marcha un plan de acción para reducir as emisións contaminantes nun 40% para o ano 2030 e este contrato contribuirá a facelo posible.

A contratación faise a través do acordo de suministración que mantén a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) con varias eléctricas, dado que a administración local tramitara xa a comezos do ano 2020 a súa adhesión á central de contratación desta organización.

Moreda Gil defendeu na sesión plenaria a importancia de apostar por enerxías renovables para frear o cambio climático e aludiu aos efectos que este proceso ten no propio municipio, concretamente na degradación da praia da Madalena. O alcalde subliñou que as renovables permiten reducir a dependencia das enerxías fósiles como o carbón ou o petróleo. Segundo explicou, mentres que a eólica produce 21 gramos de CO2 por KWh, o carbón produce 1.000.

Entre outras cousas, o rexedor cedeirés recordou que a enerxía renovable é inesgotable e fomenta a sostenibilidade, fainos menos dependentes do exterior, xera novos empregos e abarata os custos da electricidade.