O CONCELLO CONVOCA ESTE ANO POR PRIMEIRA VEZ AS AXUDAS MUNICIPAIS Á CREACIÓN DE EMPRESAS DO PROGRAMA “CEDEIRA EMPRENDE”

Incentivar a creación de novos proxectos, fomentar a actividade empresarial e contribuír a xeración de emprego son os tres piares das axudas municipais que o Concello de Cedeira convoca este ano por primeira vez baixo o programa denominado “Cedeira emprende”.

Poden tomar parte na convocatoria os novos proxectos empresariais emprendidos no ámbito deste concello por empresarios individuais ou a través de pequenas e medianas empresas, independentemente da súa forma xurídica, que tivesen iniciado a súa actividade dende o 1 de xaneiro do ano 2016.

O prazo para tramitalas finaliza o día 20 do presente mes. A partida reservada ascende a 20.000 euros e a cuantía máxima por axuda será de 2.000 euros. Poderá ser beneficiario calquera persoa física ou xurídica cun novo proxecto empresarial, sexa autónoma individual ou autónoma integrada nunha sociedade civil, mercantil, sociedade laboral ou comunidade de bens.

Entre outros requisitos -as bases xa se poden consultar nas oficinas municipais- precísase estar empadroado na localidade no momento do inicio da actividade, estar en situación de desemprego, ter o negocio ou proxecto empresarial dentro do municipio cedeirés, presentar unha iniciativa viable técnica, económica e financeiramente, estar ao día das obrigas fiscais co Concello e ter concedidas todas as licenzas pertinentes para o desenvolvemento da actividade.

As axudas son a fondo perdido e están pensadas para facer frente a gastos de aluguer, luz, auga, lixo, saneamento e telefonía feitos no ano 2016.

A instrución do procedemento a realizará unha comisión avaliadora presidida polo alcalde, Pablo Moreda Gil, e na que tamén tomarán parte como vogais a concelleira de Cultura, Turismo e Urbanismo, María Xosé Rodríguez, un técnico municipal e o axente de emprego e desenvolvemento local do Concello. A proposta de resolución darase a conocer nun prazo máximo dun mes dende a finalización do periodo de presentación de solicitudes. O aboamento da subvención efectuarase mediante un pagamento único.

O alcalde salientou que se trata dunha iniciativa que fomenta o emprendemento e favorece a creación de emprego. Explicou que o feito de publicar as bases no mes de novembro só obedece ao interese do goberno en aumentar o poder de convocatoria das axudas, xa que de abrirse o prazo no mes de agosto quedarían fora todos aqueles proxectos postos en marcha durante a segunda metade do ano.

DESCARGAR EN PDF as bases do programa CEDEIRA EMPRENDE