Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello conmemorará o 8m con xogos infantís, un manifesto, recomendacións literarias e música

O Concello de Cedeira promove a celebración dun total de seis actividades para conmemorar o Día da Muller. O goberno municipal convida ao conxunto da veciñanza a participar nas iniciativas para evidenciar o seu máis severo rexeitamento ás condutas machistas e para demandar unha sociedade máis xusta e igualitaria. Nesta ocasión, o Palacete municipal convertirase no epicentro de todos os actos.

A programación, convocada para o mesmo día 8 de marzo, dará comezo ás 11.30 horas coa celebración de Xogos infantís en igualdade. A iniciativa consiste en distintas actividades creativas co tema do día como única referencia. Desde o Concello ponse o acento no contido educativo da convocatoria.

O acto institucional, que será ás 12.30 horas, consistirá na lectura dun manifesto, que correrá a cargo de persoas que veñen colaborando na organización das actividades en torno ao 8M.

As bibliotecas recomendan….. é a proposta prevista para as 13.00 horas, que dará lugar á participación dos responsables das bibliotecas dos centros educativos da localidade e mesmo da biblioteca municipal para dar a coñecer algúns dos títulos literarios que mellor reflicten tanto o mundo da muller como as súas reivindicacións e dereitos.

Os actos do Día da Muller terán continuidade pola tarde. Así, a partir das 17.00 horas comezará a lectura de Muller bruxa, o conto de ser muller. Trátase dun fanzine escrito por Noa López Vidal co que se abrirá desde un tempo de coloquio coa propia autora ata a incorporación da música á programación coa participación de grupos e solistas locais e de alumnos da escola de música de Cedeira nunha cita cos Micros abertos.