O CONCELLO COMPRA CAMAS XERIÁTRICAS PARA CEDER GRATUITAMENTE AOS USUARIOS DOS SERVIZOS SOCIAIS

O Concello de Cedeira vén de adquirir un total de dez camas xeriátricas con carro elevador para usuarios dos Servizos Sociais co fin de complementar a prestación domiciliaria a persoas con escasos recursos. O importe do contrato, adxudicado á empresa Coloro SL, ascendeu a 13.550 euros (IVE incluído).

A concelleira de Servizos Sociais, Manuela López Rodríguez, sinalou que as catro primeiras camas xa foron entregadas e adiantou que é intención do goberno municipal ampliar o subministro coa adquisición de dez unidades máis con cargo aos orzamentos do próximo ano. López Rodríguez avaliou esta decisión na demanda existente e na necesidade de substituír as actuais polo mal estado no que se atopan. Neste sentido, a concelleira explicou que as que agora están en uso foron cedidas no seu día polo Sergas con motivo da reforma do complexo sanitario Arquitecto Marcide.

Os usuarios de Servizos Sociais que por enfermidade ou convalecencia necesiten unha cama xeriátrica só terán que cumprimentar a correspondente solicitude para ter acceso a unha delas. O Concello de Cedeira cederá o equipamento de maneira gratuíta durante o tempo que sexa necesario.