Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello colabora con AFAL Ferrolterra nunha xornada divulgativa sobre o alzheimer

O CONCELLO COLABORA CON AFAL FERROLTERRA NUNHA XORNADA DIVULGATIVA SOBRE O ALZHEIMER

O Concello de Cedeira colabora con AFAL Ferrolterra na celebración dunha xornada divulgativa, enmarcada nos actos do Día Mundial do Alzheimer, que terá lugar mañá martes na praza Roxa, ás 19.00 horas. Será neste entorno urbano no que o equipo de AFAL instalará unhas mesas informativas e paneis para sensibilizar á sociedade e, tamén, responder ás súas dúbidas sobre a enfermidade e o labor que se vén levando a cabo desde a asociación.

Posteriormente, a actividade trasladarase á sala Áncora, na que as técnicas de AFAL impartirán unha charla na que falarán do alzheimer e dos obradoiros para enfermos que leva a cabo a asociación no municipio de Cedeira coa axuda da administración local, tal e como recordou a concelleira de Servizos Sociais, Manuela López. Esta responsable sinalou que “seguimos intentando axudar en todo o que faga falla, non só cara aos enfermos senon tamén aos familiares dos doentes”. Estes talleres están abertos á participación de todas as persoas afectadas. Para iso, tan só deben poñerse en contacto con AFAL (na asociación rúa Río Castro, 43-45 baixo ou no teléfono 981 37 06 92) ou co departamento municipal de Servizos Sociais de Cedeira.

Neste sentido, a presidenta da entidade, Ana María López, quixo agradecer a implicación do Concello, tanto na organización dos obradoiros como da propia xornada de mañá, e invitou a todo o mundo a achegarse ata a praza Roxa e coñecer a asociación.

As xornadas continuarán en Meirás (Valdoviño), Ares e Pontedeume. Son estas, xunto a Cedeira, as vilas nas que AFAL está a desenvolver talleres para persoas afectadas á marxe dos centros de día que xestiona na cidade de Ferrol.