O Concello colabora co Club Montaña de Ferrol cara á celebración da X Andaina Terras de Cedeira

O CONCELLO COLABORA CO CLUB MONTAÑA DE FERROL CARA Á CELEBRACIÓN DA X ANDAINA TERRAS DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira vén de acondicionar as pistas e sendeiros que o vindeiro sábado acollerán a décima edición da Andaina Terras de Cedeira, unha iniciativa do Club Montaña de Ferrol para descubrir a pé o municipio nun percorrido de 40 ou 30 quilómetros en función da condición física de cada persoa.

A participación podería chegar aos cen deportistas, moi similar á de anteriores edicións. Os interesados aínda teñen a posibilidade de se apuntar no club organizador -con sede na rúa Coruña nº 102 de Ferrol-, na páxina web clubmontana.gal, na oficina de Turismo de Cedeira, na tenda Cedeira Sport, ou de enviar un correo electrónico á dirección marchascmf@gmail.com para formalizar a reserva. A iniciativa está aberta unicamente á participación de persoas maiores de 16 anos.

A saída, que será ás 9.30 horas, terá como punto de partida a praza Roxa. O itinerario, que estará debidamente sinalizado, discorrerá polo paseo da Madalena, punta Robaleira, Serra da Capelada, inmediacións do santuario de San Andrés de Teixido e costa de Tarroiba.

Desde a organización non se fala de dificultade pero si da necesidade dun grao alto de preparación física para participar unha andaina á que tamén definen como “rompepernas”.

O goberno municipal, que traballa arreo para fomentar o deporte da man das entidades deportivas da localidade, anima aos afeccionados a tomar parte na proba e ao público en xeral a facer un seguemento da mesma nos distintos lugares polos que vai pasar.