Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello asina un convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) para os seis primeiros meses do presente ano

O CONCELLO ASINA UN CONVENIO COA AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS (AGADIC) PARA OS SEIS PRIMEIROS MESES DO PRESENTE ANO

O Concello de Cedeira vén de asinar un convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que terá una vixencia de seis meses e que dará lugar a un total de once actividades distintas no Auditorio Municipal. O acordo está cuantificado en algo máis de 18.000 euros, entre a achega municipal e a que lle corresponde á axencia dependente da Xunta de Galicia.

A programación prevista para os seis primeiros meses arrincou o pasado día 20 de xaneiro coa actuación do grupo Elefante Elegante e terá continuidade mañá sábado coa obra “Nacidas Libres”, a cargo da compañía Contraproducións SL, a partir das 20.00 horas. Trátase dun texto de Cándido Pazó interpretado polas actrices Rocío González, Casilda Alfaro, Mónica Camaño, Susana Dans, “un espectáculo para pensar e gozar, emocionarse e divertirse”.

Antes de que finalice o presente mes tamén pasará polo escenario do centro cultural a compañía Baobab Teatro, coa obra “Pum Pum”. Será o día 24, ás sete da tarde.

Para marzo son tres as actividades incluídas no convenio. Arrincarán o día 10, ás 20.00 horas, coa obra “A tropa de Trapo” a cargo de Matrioskas, e continuarán ás 12.30 horas do día 13 co espectáculo “Chove” -teatro para bebés- do grupo Titereficciós, para finalizar na xornada do 24 coa compañía Culturactiva, que representará a peza “ O valo”, a partir das sete da tarde.

A programación do mes abril terá como punto de partida a posta en escena da obra “Goldi libre” por parte do grupo Chévere. Será o día 7, ás oito da tarde, no auditorio municipal. O martes 24 chegaralle o quenda a Píscore co seu Concerto Singular, a partir das 19.00 horas. O día 25 a actividade cultural trasladarase ao IES Punta Candieira coa obra de danza- teatro “Olivia necesita verán”, da que é autora Ánxela Blanco. Esta cita dará comezo ás 12.30 horas.

A programación chegará aos seus últimos días da man da compañía A Panadería, que na xornada do 5 de maio porá en escena o espectáculo teatral “Elisa e Marcela”, e do grupo Redrum Producciones coa obra “A nena que quería medrar”, que actuará o día 6 do mes de xuño. Ambas as dúas actividades darán comezo ás oito e terán lugar no auditorio municipal. O prezo das entradas será de 2,5 euros.