Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ANUNCIA UN NOVO PRAZO DE SOLICITUDE PARA A ENTREGA GRATUÍTA DE COMPOSTEIROS

O Concello de Cedeira, en colaboración con SOGAMA, continúa avanzando no Programa de Compostaxe Doméstico coa entrega gratuíta doutra tanda de 30 composteiros.

Con este programa, iniciado con SOGAMA no 2016, o Concello suma máis de 200 unidades de composteiros entregados á veciñanza. De feito, con este novo lote serán 30 familias as incorporadas ao proxecto no ano 2021.

Para solicitar unha unidade é requisito residir no municipio e dispor, cando menos, dun pequeno xardín ou horta. O modelo de solicitude está dispoñible na web municipal https://cedeira.gal/wp-content/uploads/2020/09/MODELO-SOLICITUDE-COMPOSTEIRO.pdf.pdf

As persoas interesadas poden:

  • Presentar o modelo de solicitude por rexistro municipal en horario de 9:00 a 14:00 h
  • Enviar o modelo de solicitude debidamente cuberto a través da sede electrónica cedeira.gal

Para a adxudicación terase en conta a orde de solicitude, priorizando aquelas familias que non teñan participado en anos anteriores.

Os composteiros son resistentes á intemperie, fáciles de montar e de sinxelo mantemento. Permiten un maior control das condicións idóneas para facer compost e evitan algunhas das molestias do proceso como cheiros, roedores etc. Xunto cos recipientes, o persoal técnico da empresa SOGAMA impartirá unha xornada de compostaxe na casa, que permitará mellorar os coñecementos do proceso e aclarar dúbidas.

A elaboración de compost ten vantaxes ambientais, económicas e recupera un método tradicional para aproveitar residuos xerados na casa. Debemos ter en conta que preto do 40% do lixo dos fogares son restos orgánicos que poden ser aproveitados para obter de xeito natural un abono rico en nutrintes.