Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello amplía as berarrúas e instala un novo paso iluminado na Avenida da Area

O CONCELLO AMPLÍA AS BERARRÚAS E INSTALA UN NOVO PASO ILUMINADO NA AVENIDA DA AREA

O Concello de Cedeira ten na Asociación Sobre Rodas a mellor aliada para adaptar todas as beirarrúas da vila a persoas con mobilidade reducida, unha das prioridades do equipo de goberno.

Froito desa colaboración xurden as obras que se están a levar a cabo na avenida da Area, principal vía de saída do casco urbano en dirección a Ortigueira. O proxecto -executado pola empresa Construcciones Rúa Floreal SL e contratado por 6.025 euros (IVE incluído)- pasa pola creación dun novo paso de peóns iluminado e pola ampliación, ata os 90 m², da superficie en dous tramos das beirarrúas a fin de facilitar a mobilidade das persoas que van en cadeiras de rodas.

A instalación e posta en funcionamento do punto de iluminación, con tecnoloxía LED, correrá a cargo de persoal municipal de servizos, como xa o fixo con anterioridade nos pasos de peóns que están a funcionar na devandita avenida e tamén na de Castelao. Esta parte da obra suporá unha inversión de 1.500 euros, cantidade que tamén sairá das arcas municipais.

A intervención, que conta co informe favorable da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta, se está a realizar á altura do punto quilométrico 30+385 da estrada autonómica AC-566 e necesitou a demolición das beirarrúas existentes, e a instalación dun novo bordo e de baldosa hidráulica.