Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO AGRADECE O COMPROMISO DA CONSELLERÍA DO MAR CO FUTURO DA CONFRADÍA DE CEDEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, expresou o agradecemento do Concello á Consellería do Mar e á Confraría de Pescadores da vila polo seu compromiso coa eficiencia enerxética, concretado nesta ocasión na mellora realizada na fábrica de xeo do pósito. O rexedor local acudiu onte coa conselleira, Rosa Quintana, e o patrón maior, Eduardo González, a visitar as instalacións e agasallou á responsable cun panel de sanandresiños, os amuletos de San Andrés de Teixido que simbolizan a hospitalidade e o desexo de saúde e sorte.

A Confraría de Cedeira acolleuse ao programa de axudas que a Consellería do Mar publicou en 2020 para realizar melloras de eficiencia enerxética, seguridade e condicións de traballo dos pescadores e de calidade dos produtos desembarcados. Co apoio autonómico puido renovar os dous xeradores e o condensador da fábrica de xeo, co que o pósito vai conseguir un aforro de consumo de electricidade que está entre o 48 e o 52% e que é moi importante para a viabilidade económica da entidade.

Moreda Gil agradeceu o traballo do actual patrón maior da Confraría, Eduardo González, así como da súa predecesora, Lucía Villar, a prol dun colectivo esencial na economía da vila. “Agradecemos o seu compromiso coa confraría e en particular esta aposta pola eficiencia enerxética, que ao final o é tamén pola supervivencia da propia entidade”, considerou o alcalde, dado o importante aforro na factura que vai supor esta mellora.

Aplaudiu tamén o rexedor local os efectos que o investimento realizado van ter para o medio ambiente e recordou que o Concello de Cedeira asinou a comezos do pasado ano o Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía e que tanto o goberno local como a cidadanía están chamados a reducir a contaminación e loitar contra o cambio climático.