Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO AFONDARÁ NA VALORIZACIÓN DO TRABALLO MARISQUEIRO CO PROXECTO “CEDEIRA MAR”

O Concello vai desenvolver o proxecto “Cedeira Mar”, no marco de acción do GALP A Mariña-Ortegal, para poñer en valor o traballo de percebeiros e mariscadoras a través de actividades de sensibilización entre escolares e público en xeral. O programa está valorado en 81.000€ e levarase a cabo desde o presente ano ata o 2022. “Queremos reivindicar o traballo das xentes do mar como un patrimonio de Cedeira, conscientes de que ten atractivo para o turismo e de que é un ben cultural en si mesmo” explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil.

O proxecto segue na liña doutros xa rematados ou que están en marcha, no mesmo marco da estratexia europea para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca, cos que o Concello de Cedeira quere impulsar unha maior calidade diferencial dos produtos de pesca de baixura e marisqueiros, a dignificación dos oficios de mar, o relevo xeracional e a desestacionalización do turismo. É o caso dos proxectos Pescaturacción; Cedeixura -liderado pola Confraría de Pescadores, ou Emprende Pesca -que o Concello de Cedeira coordina e no que participan tamén os concellos de Valdoviño e Cariño-, os últimos dunha lista máis longa de iniciativas.

O programa de “Cedeira Mar” desenvolverase coa colaboración da Confraría de Pescadores e as súas agrupacións sectoriais, así como do CEIP Nicolás do Río e o IES Punta Candieira. O proxecto abranguerá a realización de obradoiros de sensibilización dirixidos a escolares do municipio nos que se vai destacar o papel das xentes do mar no coidado do medio, utilizando métodos de extracción sustentables na pesca de baixura e no marisqueo artesanal.

O traballo dos percebeiros e percebeiras, e mariscadoras e mariscadores, porase tamén en valor a través da creación dunhas rutas polo litoral cedeirés, nas que a través de diferentes puntos clave para o sector se vai subliñar o seu peso na economía local. Tamén se van deseñar e realizar uns paneis didácticos, que serán móbiles para empregalos en diferentes ocasións, e se vai crear unha imaxe identificativa do proxecto.