Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ACOMETE MELLORAS NA PAVIMENTACIÓN E NA ILUMINACIÓN DO CEMITERIO MUNICIPAL

O goberno local de Cedeira adxudicou e ten xa en marcha dúas obras menores para o arranxo do pavimento nas rúas 1 e 2 da parte vella do cemiterio municipal e para a iluminación da zona que comunica cos nichos novos, na que agora non hai puntos de luz. O Concello investirá preto de 23.000€ nestas actuacións, que se van executar de inmediato e van contribuír a facer máis seguro o tránsito polo recinto.

A empresa de construción Prieto Mouriz vai ocuparse do arranxo do chan nos corredores número 1 e 2 do cemiterio. Actualmente o seu estado é moi deficiente e as escorrentías provocan fochancas, o crecemento de vexetación e o deterioro do firme, o que supón un perigo para os visitantes, en especial para as persoas maiores. A actuación vai consistir no levantamento do actual pavimento, a colocación dunha capa de grava e formigón e a posterior aplicación dun novo firme de plaqueta, no que se instalarán sumidoiros para garantir a drenaxe da auga. O contrato é de 17.545 euros, IVE incluído.

Por outra banda, o Concello mercou á empresa Diesfe e por valor de 5.451,12€, IVE incluído, o material eléctrico preciso para que persoal municipal se ocupe de instalar unha axeitada iluminación na zona que conecta o corredor central do cemiterio cos nichos novos, concretamente coa colocación de 26 leds no solo.