Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ACOLLE CON OPTIMISMO O IMPULSO QUE A SERIE RAPA DARÁ AO SECTOR TURÍSTICO DA ZONA

A vila de Cedeira está a acoller a rodaxe da serie Rapa, un thriller de suspense en seis capítulos que se desenvolve principalmente en escenarios da localidade e tamén de Ferrol, con Javier Cámara e Mónica López como protagonistas. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, agradeceu á produtora a elección de Cedeira para a realización deste proxecto cinematográfico, “a través do cal de seguro moitas persoas van sentirse atraídas polas nosas espectaculares paisaxes”. Moreda puxo como exemplo a serie Hierro que o mesmo equipo lanzou en 2019 e as positivas consecuencias que esta está a ter no sector turístico daquela illa.

Rapa é unha serie creada por Pepe Coira e Fran Araújo para a plataforma Movistar+, realizada en colaboración coa produtora Portocabo. É o mesmo equipo que fixo a serie Hierro, de enorme éxito –foi a máis vista neste ano en Movistar+- e cun demostrado impacto na dinamización económica e turística da illa. A través da trama, a produción amosou as tradicións máis arraigadas daquel territorio e tras a súa emisión constatouse un incremento do número de visitantes. Dunha banda aumentou o turismo interior e, doutra, coa emisión da serie en Francia, Suiza e Alemania, tamén creceron os visitantes destes países. O tirón de Hierro fixo, de feito, que se teña creado xa unha ruta guiada polas localizacións dos diferentes capítulos.

Con este precedente, Moreda Gil expresou o devezo do goberno local de que Rapa poida ser un escaparate internacional das espectaculares paisaxes de Cedeira e tamén das súas tradicións máis ancestrais e contribúa a dinamizar a economía local. O Concello está a brindar o apoio loxístico preciso á produtora, entre outras cousas prohibindo o estacionamento nos lugares de grabación, e colaborou xa previamente con ela na localización de exteriores para a rodaxe. O gran número de veciños e veciñas da propia vila que se presentou hai un par de meses ao casting para participar como extras na serie permitía albiscar o grande interese e expectación que está a xerar a presencia do equipo en Cedeira.

Por último, desde o Concello agradecen que Portocabo e Movistar+ vaian celebrar no Auditorio Municipal de Cedeira a rolda de prensa de presentación de “Rapa” o vindeiro día 5 de outubro, un acto no que estarán os produtores e o equipo principal da serie.