Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ABRE MAÑÁ UN ESPAZO DE OCIO CUNHA PISTA DE XEO E OUTRAS ATRACCIÓNS PARA AS FAMILIAS

O Concello de Cedeira inaugura mañá un espazo adicado ao xogo e o lecer en familia durante estas festas. Ata o vindeiro 9 de xaneiro, todos os días e de xeito totalmente gratuíto, estará aberta unha pista de xeo sintético de 200 metros cadrados, sobre a que se poderán utilizar os patíns con coitelas que estarán tamén a disposición do público, así como unha zona infantil con inchables e talleres de actividades.

O xeo sintético ou ecolóxico que se emprega nesta pista permite patinar como nas de auténtica auga conxelada, pero sen apenas custo enerxético. A instalación funcionará todos os días, agás os festivos do 25 de decembro e o 1 de xaneiro, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas. As persoas que estarán atendendo a instalación e coidando que se cumpra o aforo máximo de 25 persoas, repartirán tamén patíns de balde. Estarán dispoñibles 150 pares con números do 25 ao 47, para garantir que poden gozar da atracción tanto crianzas como maiores.

Baixo a mesma carpa que se vai instalar na praza Roxa haberá unha zona de xogos infantís con un inchable para nenos e nenas a partir de tres anos e un tobogán de 8×3 metros polo que as crianzas poderán deslizarse en trineo. Estes xogos funcionarán no mesmo horario que a pista de xeo, todos os días de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas, igualmente de xeito gratuíto. Ademais, de 18.00 a 20.00 horas desenvolveranse, todos os días, actividades lúdicas e educativas pensadas para participar en familia.

O goberno local de Cedeira quere contribuír con esta proposta a garantir un espazo de lecer a cuberto e seguro para as familias, coidando do cumprimento de todas as medidas sanitarias anticovid e axudando a dinamizar, ao mesmo tempo, o comercio e a hostalería da localidade.