Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O colexio Nicolás del Río xa ten o seu propio desfibrilador, que no verán operará na praia

O COLEXIO NICOLÁS DEL RÍO XA TEN O SEU PROPIO DESFIBRILADOR, QUE NO VERÁN OPERARÁ NA PRAIA

O Concello de Cedeira acaba de facer entrega dun desfibrilador á comunidade escolar do Nicolás del Río. Trátase do terceiro equipo destas características que está a funcionar no municipio e chega despois dos instalados no campo de fútbol e pavillón municipal.

O acto tivo lugar hoxe nas instalacións do colexio e no mesmo déronse cita o alcalde, Pablo Moreda Gil; a directora do centro, Marta Cameselle; a concelleira de Turismo, Carmela Prieto Cal, e o secretario e profesor de Educación Física, Alejandro Martínez.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, destacou a intención do executivo local de crear unha rede de desfribriladores que abarque a totalidade das instalacións municipais coa intención de poñer as ferramentas necesarias para poder actuar o máis axiña posible ante un accidente cardiorrespiratorio. Moreda tamén apuntou que, durante os meses de verán, este novo desfibrilador estará operativo para atender aquelas posibles urxencias que poidan ter lugar no areal da Madalena.

Pola súa banda, a directora do Nicolás del Río agradeceu o “agasallo” do Concello e explicou que, cando menos, desde a dirección do colexio existe a intención de facer partícipe ao alumnado da incorporación deste novo aparato á vida cotiá do centro así como informar dos seus usos.

O investimento, asumido na súa totalidade polo Concello, superou os 1.800 euros.