O CERTAME DE PINTURA RÁPIDA VILA DE CEDEIRA SERÁ O ÚLTIMO DOMINGO DO PRESENTE MES

O Concello de Cedeira convoca para o día 27 a terceira edición do Certame de Pintura Rápida Vila de Cedeira, unha iniciativa dirixida tanto a afeccionados como a profesionais da pintura que desexen trasladar ao lenzo os rincóns máis pintorescos da vila. A praza Roxa, a zona portuaria e o paseo marítimo son algúns dos espazos que resultan de interese para os participantes, segundo se puxo de manifesto en pasadas edicións. Cada un deles terá que aportar o material que poida necesitar ou considere oportuno. Tampouco existe límite de idade e as obras premiadas pasan a ser propiedade do Concello.

A inscrición pódese formalizar o mesmo día do concurso no posto de turismo do paseo da Mariña, entre as nove e as once da mañá. As persoas interesadas poden obter máis información a través do número de teléfono 680 473 273 e tamén teñen a posibilidade de consultar a páxina web do Concello (www.cedeira.gal).

A organización, que corre a cargo da concellería de Cultura e Turismo de Cedeira, dispón dun total de 1.300 euros para distribuír entre os tres primeiros clasificados, de maneira que o primeiro recibirá 600 euros; o segundo 400 e o terceiro 300, ademais dos diplomas correspondentes.

Raúl Gil Bures foi o gañador da pasada edición cunha obra na que se recollía un tramo do paseo da Mariña. O segundo premio foi para Manuel Carballeira -que optou por reproducir a praia-, mentres que Javier Sande Iglesias se fixo co terceiro cunha paisaxe dos acantilados. O certame reuníu a un total de 17 artistas. No seu primeiro ano, que ganou Pío Costa, foron 19.