Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CDG ABRE A SÚA ESTADÍA EN CEDEIRA CUNHA FUNCIÓN PARA ALUMNADO DO IES PUNTA CANDIEIRA

Cunha función para alumnado do IES Punta Candieira, o Centro Dramático Galego inaugurou onte a súa estadía de catro días na vila de Cedeira. hoxe venres, o sábado e o domingo ofrecerá tres funcións máis, dirixidas ao público xeral, da súa nova produción “Ás oito da tarde, cando morren as nais”, coa que a compañía pública pon en marcha a experiencia piloto de xirar cunha obra de gran formato por localidades pequenas, catro en Galicia e dúas en Portugal, e permanecer nelas durante varios días. A iniciativa, tal e como explicou estes días o director do CDG, Fran Núñez, quere entre outras cousas impulsar o turismo cultural a estas localidades.

Rapaces e rapazas de cuarto curso da ESO e primeiro de Bacharelato foron onte o público desta primeira función do CDG no Auditorio Municipal de Cedeira. Hoxe venres e o sábado, a representación será no mesmo lugar ás 21.00h, e o domingo, ás 19.00h.

“Ás oito da tarde, cando morren as nais” dá vida a un texto de AveLina Pérez que recibiu o premio Álvaro Cunqueiro en 2018 e conta, ademais, co aval de María Pazos na dirección. Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado forman o elenco da obra, que dura 75 minutos e está recomendada para maiores de 12 anos. A peza é un xogo sobre a relación entre o teatro e o público cheo de humor, ironía e crítica sociolóxica.

O Centro Dramático Galego fai un esforzo pola accesibilidade en todos os sentidos. As funcións contan con subtítulos, intérprete de lingua de signos e audiodescricións para que poidan seguila as persoas con discapacidades auditivas ou visuais. Ademais, as estradas están á venda na web de ataquilla.com –https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/- a prezos populares, 4€, con descontos do 50% para maiores de 65 anos, estudantes, desempregados, familias numerosas e outros colectivos.

Para facilitar a afluencia do público desde diferentes puntos da comarca, o Concello de Cedeira vai fletar buses gratuítos, aos que as persoas con entrada poderán apuntarse cada día de representación –antes das doce do mediodía, enviando un Whatsapp e indicando o nome das persoas, data e parada que van empregar-. Os puntos de saída serán os seguintes:

VENRES, día 20

Ferrol:(Plaza de Galicia – Correos) 19:40 horas.

San Sadurniño: (Concello) 20:00 horas.

Moeche: (AC862 – Restaurante Delfino) 20:10 horas.

Cerdido: (Concello) 20:20 horas. Volta desde Cedeira ás 00.00h.

SÁBADO, día 21

Ferrol: (Plaza de Galicia – Correos) 19:50 horas.

Narón: (Concello P.Bus Ctra.Castilla) 20:00 horas.

Valdoviño: (Puerta del Sol – Ferreteria Josvy) 20:20 horas.

Volta desde Cedeira ás 00.00h.

DOMINGO, día 22

Ferrol: (Plaza de Galicia – Correos) 17:50 horas.

Narón: (Concello P.Bus Ctra.Castilla) 18:00 horas.

Valdoviño: (Puerta del Sol – Ferreteria Josvy) 18:20 horas.

Volta desde Cedeira ás 22.00h.

Xunto con estes autobuses que pon o Concello de Cedeira, o propio programa de mobilidade do Centro Dramático Galego facilita a posta a disposición do público doutros autobuses desde Ares, As Pontes e As Somozas.