Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O AUTODITORIO DE CEDEIRA ACOLLE ESTE SÁBADO A OBRA DE TEATRO “ESAS COUSAS MARABILLOSAS”

O Auditorio de Cedeira acolle este sábado ás 20.30 horas a representación de “Esas cousas marabillosas”, o tenro e emocionante relato dun neno que afronta o intento de suicidio da súa nai reunindo nunha lista todas as razóns polas que paga a pena vivir. O actor Elisardo de la Cruz e Empatía Teatro producen esta obra con texto do dramaturgo inglés Duncan MacMillan. As persoas interesadas poden reservar as súas localidades anticipadamente enviando unha mensaxe por whatsapp ao número 649 87 66 14. O prezo é de 2,5€.

Elisardo de la Cruz estreou a obra o pasado ano no Festival Internacional do Monólogo “Singular” do Padroado da Cultura de Narón e desde aquela máis de duas mil persoas teñen visto “Esas cousas marabillosas”, con cheos na Coruña, Boiro e Carballo.

O texto que escribiu Duncan MacMillan hai unha década, e que se mantivo en escea coas entradas esgotadas durante tres anos no Festival de Edimburgo, está hoxe de total actualidade polo preocupante aumento dos casos de suicidio, especialmente entre adolescentes. “Esas cousas marabillosas” é un monólogo que se vai construíndo coa participación do público e que trata o tema dunha maneira natural e humana, con toques de humor e cunha visión esperanzadora.

Tamén o mesmo sábado, o establecemento O’Peirao acollerá a presentación do libro “Me llamaré Silver Stardust”, que Nuria Martínez Deaño (Madrid, 1971) terminou de escribir en Cedeira, localidade na que reside desde a pandemia. Esta editora, tradutora e xornalista, filla e neta de galegos, atopou na vila a tranquilidade necesaria para sacar adiante a súa primeira novela, que xa ten recibido o aplauso de Rosa Montero –considerouna unha obra “tensa, afiada e estremecedora”-.

“Me llamaré Silver Stardust” é a historia dun yonqui que deambula polo Madrid dos anos 90 en busca de redención, a través do cal coñecemos a España dos 70 e os 80 e a fenda xeracional que marcou a relación entre pais e fillos naqueles anos posteriores ao franquismo.